O Concello ensancha e asfalta o acceso á potabilizadora de Cerdedo
Por Redacción
O Concello de Cerdedo-Cotobade acaba de rematar as obras de mellora, ensanchamento e dotación de capa asfáltica ao acceso á estación de tratamento de auga potable de Cerdedo, situada na parte máis elevada da localidade e que ata a data tiña unha circulación máis complicada, especialmente para camións e maquinaria de grandes dimensións, xa que ten unha forte pendente e estaba en zahorra.
Con esta actuación, que foi visitada este martes polo presidente municipal, Jorge Cubela, favorecerase a realización do mantemento periódico e de posibles arranxos en caso de que haxa avarías.
O novo vial permite o acceso axeitado de maquinaria, o que acelera unha posible reparación se se producise algunha contixencia neste depósito municipal, realizado no seu día ao abeiro do proxecto de abastecemento integral de Cerdedo con 1,2 millóns de euros de orzamento.
O acceso á potabilizadora enmárcase nun proxecto no que se investirán 94.738 euros e que tamén inclúe unha mellora viaria integral con ensanchamento, construción de muros de contención, retranqueos e dotación de novo firme na rede interna do lugar de Limeres.
Actualmente, estase facendo acopio de pedra para os muros de seguridade e ultímanse as medicións, que teñen que ser moi precisas pola pendente da zona e a estreitez da vía derivada do emprazamento das vivendas, edificacións e parcelas existentes. En calquera caso, o seu inicio é inminente tan pronto como rematen estes traballos previos.