Comisións Obreiras pide "menos palabrería" e solucións para o CEIP Príncipe Felipe
Por Oskar Viéitez
O secretario comarcal de Comisións Obreiras, José Ramón Piñeiro, pediu á Deputación de Pontevedra "menos palabrería" e que executen as obras necesarias de mantemento e conservación do colexio de Educación Infantil e Primaria da Cidade Infantil Príncipe Felipe porque "está en xogo a integridade física dos menores".
"Cando a situación é a que é, falar de tender a man, xustificarse en herdanzas recibidas, dicir que denunciar é crear conflitos estériles, é dunha irresponsabilidade absoluta que non contará coa complicidade de CC. OO.", afirmou este sindicato.
José Ramón Piñeiro emprazou á deputada delegada de Príncipe Felipe, Eva Vilaverde, "a que aclare onde está a manipulación e esaxeración na nosa denuncia", á vista das fotografías difundidas aos medios de comunicación "ou que percorra as instalacións do colexio acompañada pola prensa e que demostre alí a manipulación da que nos acusa, porque mentres non o faga pensaremos que as súas manifestacións obedecen a mentira ou a ignorancia absoluta por falar sen visitar o centro para comprobar o seu estado".
Asegura o secretario comarcal de Comisións Obreiras que se un colexio privado presentase pingueiras, instalacións eléctricas ao descuberto, cristais rotos, lousas a piques de caer, baños impracticables, varandas oxidadas ou paredes que rezuman auga "sería automaticamente precintado e a dirección sancionada".
Para José Ramón Piñeiro "negar a evidencia" é "unha absoluta irresponsabilidade" polo que esixe que, de maneira urxente, se executen as obras para terminar con este "estado terceiromundista", para o que demanda que se destine o financiamento suficiente a tal fin.
Relacionadas:
-
Comisións Obreiras reprocha a lentitude coa que se están a solucionar os problemas no Príncipe Felipe
Por Oskar Viéitez |
-
A Deputación tende a man á Xunta para mellorar o colexio Príncipe Felipe
Por Redacción |
-
Educación solicita á Deputación que arranxe o edificio do colexio Príncipe Felipe
Por Oskar Viéitez |
-
Alertan do deplorable estado do colexio do Príncipe Felipe
Por Oskar Viéitez & Mónica Patxot |