Este mércores volven as chuvias ás Rías Baixas
Por Redacción
Galicia manterase este martes nunha situación intermedia entre a borrasca situada ao oeste de Irlanda e o anticiclón que se localiza ao sur da península Ibérica. Os ceos manteranse cubertos, con máis nubes no litoral de Pontevedra.
As temperaturas mínimas ascenderán lixeiramente mentres que as máximas continuarán sen cambios movéndose entre os 8 e os 16 graos. O vento soprará de compoñente sur, forte na costa e nas zonas altas, segundo as previsións do servizo de Meteogalicia.
Durante este mércores a borrasca Diana, que se atopa sobre Irlanda afectará a Galicia deixando ventos fortes do sur. Os ceos permanecerán parcialmente cubertos, con presenza notable de nubes nas Rías Baixas, coa posibilidade de que se produza algún orballo.
Durante a noite chegará unha fronte fría acompañando á borrasca con choivas en toda a comunidade. As temperaturas situaranse entre os 9 e os 15 graos con ventos fortes do sur, con refachos moi fortes no litoral e nas zonas altas.
Xa o xoves 29 espérase que os ceos se manteñan cubertos con choivas que chegarán a toda a comunidade. Desde o mediodía abriranse claros pero manteranse os chuvascos. As temperaturas mínimas ascenderán lixeiramente para establecerse entre os 11 e os 16 graos. Os ventos seguirán soprando de compoñente sur.
A partir do venres continuarán os ventos do sur soprando sobre Galicia, favorecendo a probabilidade de precipitacións na zona das Rías Baixas. As temperaturas situaranse entre loss 10 e os 14 graos.
ALERTA
A Dirección Xeral de Emerxencias e Interior da Vicepresidencia da Xunta vén de activar a alerta laranxa por un temporal costeiro que comezará o mércores e que afectará o litoral das provincias da Coruña e Pontevedra.
Segundo informa a Axencia Estatal de Meteoroloxía, a partir do mediodía do mércores na Coruña e das últimas horas da tarde en Pontevedra, esperase mar combinada do oeste con ondas entre os 5 e 6 metros.
Durante todo o día de hoxe toda a costa galega está en alerta de nivel amarelo.