Marín recorda as vítimas da violencia machista durante o 25-N
Por Redacción & Diego Torrado
O día internacional da eliminación da violencia contra a muller tivo en Marín un recordo especial ás vítimas da violencia machista. Unha concentración celebrada na Praza 8 de marzo, convocada polo Espazo Feminista Marín e o colectivo Zeivas, reivindicou unha sociedade libre desta lacra social.
Un centenar de persoas participaron nesta emotiva concentración, na que se acendeu unha vela co nome de cada unha das mulleres que, ao longo de 2018, foron asasinadas polas súas parellas.
A programación dos actos do 25-N, coordinados polo Centro de Información á Muller (CIM) de Marín, incluíron tamén este domingo a entrega dos premios 'Lazo Violeta' no salón de plenos do Concello.
Estes galardóns, que recoñecen condutas exemplares contra as violencias machistas, foron entregados este ano a catro persoas: Manuel Antonio Martínez, José Antonio Rodríguez, Vicente Pérez e Olga Campaña.