Atopan o cadáver dun home nunha praia do Grove
Por Alejandro Espiño
O cadáver dun home que, segundo os primeiros exames, levaba morto varios días apareceu na praia de Raeiros, no Grove.
Fontes da investigación confirmaron a PontevedraViva que o corpo presentaba síntomas de estar na auga durante días.
Estaba parcialmente vestido e carecía de documentación, polo que a Garda Civil non logrou identificalo aínda.
O corpo foi visto pouco despois das dez da mañá deste sábado e, tras ser analizado polo forense, o xuíz ordenou o seu levantamento tres horas despois. Foi trasladado ao Instituto de Medicina Legal de Pontevedra para practicarlle a correspondente autopsia e poder determinar as causas da morte.
As autoridades traballan xa para averiguar a identidade do falecido que, no momento de ser achado, levaba encima un feixe de chaves e un paquete de panos de marca e fabricación portuguesa.