Cerdedo-Cotobade ultima un orzamento de cinco millóns de euros para 2019
Por Redacción
O goberno municipal de Cerdedo-Cotobade xa está inmerso no deseño do seu orzamento para 2019. Segundo adianta o Concello, volverá a situarse de novo no horizonte dos cinco millóns de euros. É o terceiro ano consecutivo no que se alcanza esa cifra.
A principal liña estratéxica é que, tras as rebaixas fiscais dos últimos anos, conxelaranse todos os impostos e taxas municipais.
"Despois de situar a presión fiscal por habitante por debaixo dos 200 euros anuais cremos que chegou o momento de consolidar esta situación impositiva, que ademais é boa para os cidadáns porque teñen bos servizos e son dos que pagan menos de toda a provincia", explicou o presidente municipal, Jorge Cubela.
Aparte destas dúas cuestións, fundamentais para sentar os principios dos orzamentos municipais 2019, na xuntanza que se celebrou na sede consistorial de Cerdedo o goberno dividiuse as áreas de traballo entre os concelleiros, co obxectivo de que todos fagan as súas achegas para acadar "as mellores contas posibles".
Cubela revelou que na reunión acordouse que o emprego, os servizos sociais, os investimentos -con especial incidencia na rede viaria, os parques infantís e o apoio ás comunidades de augas- e os servizos públicos serán os catro eixos do vindeiro proxecto económico de Cerdedo-Cotobade.
O goberno local tamén valora positivamente a súa capacidade para atraer investimentos doutras administracións, que se executarán de xeito paralelo ao vindeiro orzamento.
Inclúen, entre outras, o saneamento de Tenorio, a humanización da Chan, a nova residencia de Cerdedo, a rotonda oeste de Cerdedo na N-541, a mellora da estrada PO-230 Serrapio-Vichocuntín, a rehabilitación dos Baños de San Xusto, a segunda fase das vivendas dos mestres de Cerdedo, as actividades das Letras Galegas dedicadas a Antón Fraguas, a implantación da rede de fibra óptica, as melloras no colexio de Tenorio ou o vial Caroi-Cerdedo.
Relacionadas:
-
Tras acadar a promesa de 2,6 millóns de euros da Xunta, Cubela impulsará a reforma da estrada Caroi-Cerdedo
Por Redacción |
-
O proxecto para a rehabilitación da emblemática zona termal de San Xusto encara a recta final
Por Redacción |
-
O novo local social de Tenorio custará 300.000 euros
Por Redacción |
-
A Xunta anuncia o inmediato inicio das obras do saneamento en Tenorio
Por Redacción |
-
Cubela, satisfeito polo superávit de 176.000 euros obtido no primeiro balance económico de Cerdedo-Cotobade
Por Redacción |