O BNG pide a limpeza das marxes da variante de Marín
Por Oskar Viéitez
O BNG vén de pedir ao Concello de Marín que inste á Xunta ao arranxo e limpeza das beiras da variante de Marín, VG-4.4, unha petición que reiteran os nacionalistas xa que no pasado mes de febreiro o pleno da corporación municipal aprobouna por unanimidade.
Os nacionalistas presentarán esa moción como consecuencia de ter levado o tema en numerosas ocasións á Comisión de Rural nos meses previos, sen acadar ningún resultado.
Mais pasaron xa case 10 meses e nin coa aprobación da moción se están a executar os traballos de limpeza da mencionada vía, e desde febreiro o BNG segue preguntando todos os meses na comisión por este asunto.
A situación a día de hoxe na variante amosa unha beiravía chea de pólas, árbores arrincadas polo vento e algunha árbore de dimensión considerable "a piques de caer sobre a estrada", segundo os nacionalistas.
En varios puntos da variante de Marín colocáronse sinais de perigo.
Desde o BNG ven con "preocupación" como "o goberno municipal do PP non está a ser quen de resolver numerosos asuntos de pura xestión que se están a producir no noso concello" e critican a "manifesta incapacidade amosada nestes case oito anos de goberno para desenvolver proxectos ambiciosos".