Cerdedo-Cotobade conmemora o 25-N cun variado programa de actividades
Por Redacción
Unha concentración con lectura dun manifesto, obradoiros de igualdade para todos os escolares do municipio e un Serán da Muller. Son as actividades que ten previsto o Concello de Cerdedo-Cotobade con motivo do 25 de novembro, día internacional da eliminación da violencia contra as mulleres.
Os actos arrancarán o luns 26 de novembro cunha concentración na Praza do Concello da Chan e a posterior lectura dun manifesto no que se reiterará o rexeitamento absoluto á violencia de machista contra as mulleres.
Ademais, se amosará o apoio e solidariedade coas vítimas e a total repulsa cara os maltratadores e se esixirá a todas as administracións que redobren os seus esforzos para rematar con esta lacra social. É unha concentración aberta a todos os veciños.
Esa mesma xornada celebrarase o primeiro obradoiro de igualdade para a mocidade no CEIP de Carballedo. Estas iniciativas formativas estenderanse o martes 27 no centro educativo de Tenorio, o mércores 28 no colexio San Xoán Bautista de Cerdedo e, xa para rematar, o xoves 29 no IES de Cotobade, tamén situado na parroquia de Tenorio.
O programa clausurarase o vindeiro sábado 1 de decembro cun Serán da Muller con acento reivindicativo a prol da igualdade e contra a violencia de xénero a partires das 20.00 horas na Casa do Pobo de Viascón.
Esta actividade, que será gratuíta e con entrada libre ata completar o aforamento, contará coas actuacións de As Lagharteiras e A Tajea.