A empresa Acevi acometerá as obras no local da Banda de Tenorio
Por Redacción
O Concello de Cerdedo-Cotobade vén de adxudicar á empresa Acevi as obras de modernización integral do local da Banda de Música de Tenorio, que na súa primeira fase conta cun orzamento de 160.000 euros. Xa está programando o inicio dos traballos tan pronto como se cumpran os derradeiros trámites administrativos e se proceda á sinatura do contrato.
A adxudicataria fixo unha proposta económica de 143.511 euros, que supón unha baixa de arredor do 10% sobre o prezo de licitación. Ademais ofreceu tres anos de garantías e asume as seis melloras recollidas no prego de bases.
O presidente municipal, Jorge Cubela, concretou que a folla de ruta desta actuación pasa por comezar, entre finais de ano e inicios de 2019, esta primeira fase da reforma do local, que se verá beneficiado dunha ampliación de superficie e dun maior aproveitamento de espazos, algo demandado pola banda, e tamén por unha importante mellora estética do inmoble, xa que disporá de grandes cristaleiras e locerá con materiais nobres como pedra e madeira.
En canto ás melloras recollidas no prego e aceptadas pola adxudicataria, consistirán na dotación de trasdosado de pedra na fachada e de voadizos en chapa de aluminio, a renovación das fiestras e das portas exteriores, a colocación dun rótulo retroiluminado con letras en aceiro inox e de focos de iluminación verticais e o pintado do salón de actos.
Finalmente, o presidente municipal explicou que esta primeira fase, estimada en 180.000 euros entre o orzamento de licitación e a baremación das melloras, terá continuidade coa segunda xa no vindeiro ano cunha nova partida de 120.000 euros, que será recollida especificamente nos orzamentos municipais de 2019 e que elevará a contía total deste investimento ata os 300.000 euros.