O plan parroquial para Borela prevé a construción de dous depósitos de auga
Por Redacción
Cunha partida global de 410.000 euros, o goberno municipal de Cerdedo-Cotobade xa ten listo o plan parroquial de investimentos en Borela. Así o anunciou este xoves o presidente da corporación, Jorge Cubela, nunha visita á zona.
Cubela comprobou o estado da fonte e do lavadoiro de Senra, que foron rehabilitados con 20.000 euros do Fondo de Compensación Ambiental da Xunta de Galicia.
Os traballos incluíron a limpeza, o rexuntado, o selado, a reparación de elementos danados, a renovación da cuberta e unha analítica de augas.
De cara o futuro, o Concello construirá dous depósitos de augas, en Ponte Borela e Coutiño, cun investimento de case 100.000 euros, que se sumarán ás pavimentacións proxectadas.
Borela xa conta cun novo parque infantil, que está concibido como unha gran área recreativa e de lecer xunto á Casa do Pobo, tamén remodelada hai pouco, e que dispón da primeira pista de petanca do termo municipal.
Ademais, tamén se executaron numerosas melloras viarias na Brea, Fonte Sobreira, Pazos e Os Castiñeiriños, realizáronse canalizacións e recollidas de augas pluviais, acometeuse o arranxo de catro camiños en Pazos, onde tamén se instalou un parque infantil, o reforzo da seguridade na zona da igrexa, a sinalización en todos os accesos ou o arranxo de varias fontes.
Aparte dos citados depósitos, a zona de Pazos tamén vai ser obxecto de actuacións nos vindeiros meses coa execución de diversas pavimentacións de pistas e o formigonado de beiravías para controlar a escorrentía das augas.
Relacionadas:
-
Novos depósitos en Borela e O Picoto para facer fronte á seca
Por Redacción |
-
Comezan as melloras no campo da festa de Pazos de Borela
Por Almu Dapena |
-
Cerdedo-Cotobade renova toda a trama de pistas e camiños do lugar de Barro
Por Redacción |
-
Arrancan as obras do Plan de Vías de Cerdedo pola parroquia de Quireza
Por Redacción |
-
O plan parroquial de Viascón, en marcha cun novo parque infantil
Por Redacción |
-
Cerdedo-Cotobade programa o inicio de obras en seis pistas
Por Redacción |