O PSOE absterase no orzamento tras acordar co BNG darlle un sentido "máis social"
Por Alejandro Espiño
Os socialistas, do mesmo xeito que o ano pasado, confirmaron que se absterán na aprobación do orzamento municipal de 2019. Farano, segundo explicou o seu portavoz, Tino Fernández, tras alcanzar un acordo co BNG para darlle ás contas un sentido "máis social" e un maior reequilibrio territorial.
Non votarán a favor, segundo Fernández, "porque non gobernamos e non son os nosos orzamentos", pero o líder do PSdeG-PSOE celebrou o "interese real" do BNG para chegar a un acordo e que ambos os dous partidos mostrasen unha "vontade mutua" e cederan polas dúas partes para mellorar o orzamento.
O dirixente socialista sinalou que no último mes "avanzouse máis que os dez anteriores" para cumprir os compromisos alcanzados na negociación das contas vixentes, o que permitiu avanzar neste novo acordo.
En materia social, o PSdeG-PSOE logrou incluír 150.000 euros para acondicionar as plantas que seguen sen uso no Centro Social Sur para cedelas a asociacións da cidade, 100.000 euros adicionais para negociar cos traballadores do Concello e 35.000 euros para abrir unha liña de subvencións para deportistas individuais.
Ademais, os socialistas incluíron o compromiso de terminar o acondicionamento da rúa Ruibal, executar a mellora da seguridade viaria na Rúa da Torre de Lérez ou axilizar o convenio coa Deputación para impulsar a reforma urbana de Mollabao e a construción do novo viario que unirá Rosalía de Castro coa Avenida de Marín.
Os compromisos alcanzados co BNG inclúen tamén solicitar a Fomento a cesión da Avenida de Compostela para "permeabilizar" a conexión entre o campus e O Burgo, construír unha rotonda entre as rúas Alemaña e Grecia en Monte Porreiro, iniciar os trámites para desafectar as vivendas da cabeceira da ponte do Burgo e aumentar a partida para o coidado de animais que viven na rúa.
Relacionadas:
-
Tino Fernández, o candidato co que o PSOE quere dar un "aire" e un "impulso" a Pontevedra
Por Alejandro Espiño & Mónica Patxot |
-
Marea e Cidadáns presentan enmendas ao orzamento municipal de 2019
Por Redacción |
-
O orzamento municipal agarda polas emendas do resto da corporación
Por Oskar Viéitez |
-
Loureiro Crespo e Mollavao, o pavillón da Parda e máis carga social, prioridades do BNG para 2019
Por Alejandro Espiño |
-
Marea facilitará a aprobación do orzamento municipal coa súa abstención
Por Alejandro Espiño |
-
A débeda de Pontevedra, no seu nivel máis baixo desde 1991
Por Alejandro Espiño |