Exposición de xoias solidarias en beneficio da Fundación de Medicina Xenómica
Por Redacción
Pezas realizadas con anacos de porcelanas da Magdalena de Isaac Díaz Pardo e Luis Seoane en beneficio da Fundación de Medicina Xenómica, liderada polo científico Ángel Carracedo, serán expostas desde este sábado 24 de novembro no Hotel Villa de Marín, a partir das 19.00 horas.
A Fundación de Medicina Xenómica conta coa súa propia xoia, 'Xenómica', que se deseñou para conmemorar os 20 anos de traballo. A peza atópase montada en prata e foi realizada a man polo orfebre pontevedrés David Pérez, na que se representa a cadea do ADN.
Esta mostra permanecerá aberta ao público ata o 10 de xaneiro. O padriño desta exposición de xoias é o artista pontevedrés Tato Heredia, que participará na presentación destes traballos nos que colaboraron diversos xoieiros de Pontevedra.