Carme da Silva fala en Euskadi do modelo urbano pontevedrés como "espazo feminista e alternativo"
Por Redacción
A experiencia de transformación da praza de Barcelos "nun espazo para a infancia, promovido pola propia infancia", foi o motivo principal da presenza de Pontevedra na xornada "Avanzando nas políticas locais de infancia e adolescencia cara á equidade", que tivo lugar este mércores en Vitoria Gasteiz e ás que acodiron os concelleiros Alberto Oubiña e Carme da Silva.
Foi unha mesa redonda dedicada íntegramente a Pontevedra baixo o título "Cidade da infancia: Pontevedra, urbanismo, mobilidade e vida", moderada por Roberto González, do Centro de Estudos Ambientais da capital basca.
Segundo informou o gabinete de comunicación do Concello de Pontevedra, Oubiña referiuse ao proceso de Barcelos como "un dos principais exemplos de participación popular" de toda a reforma urbana pontevedresa. "Todo partiu da comunidade escolar, desde os primeiros planos, os primeiros debuxos, as primeiras asambleas para poder resolver un asunto que preocupaba ás crianzas: carecían de patio para os xogos", dixo o edil.
A partires desa premisa foi debullando todo o proceso no que tamén participaron comerciantes e veciños, ata lograr o resultado final, que foi liberar de automóbiles máis dun tercio da praza, instalar canchas para xogos e dispoñer de espazo para o recreo dos escolares.
Como resultado da transformación, o concello aproveitou para eliminar o aparcamento indiscriminado, deixando a praza para estacionamento de servizos e reducindo considrablemente a intensidade do tráfico a motor.
Pola súa banda, Carme da Silva, concelleira de protección cidadá, falou do novo modelo urbano como "espazo feminista e alternativo", ao que contribúe o resultado dunha reforma urbana que fixo da seguridade unha das súas principais apostas.
Potenciar os desprazamentos a pé, mitigar a dimensión exhibicionista do coche ou construir espazos accesibles e cunha boa iluminación pública son algunhas das claves da "perspectiva de xénero aplicada ao novo modelo urbano, pensado para ofrecer ás persoas as máximas doses de comodidade e benestar".
Relacionadas:
-
Póvoa de Varzim achégase a coñecer a transformación urbana de Pontevedra
Por Redacción |
-
Cathy Tuttle, activista ambiental: "Non teño visto nada igual a Pontevedra en todo o mundo"
Por Alejandro Espiño & Mónica Patxot |
-
Pontevedra toma nota das "supermazás" de Barcelona
Por Redacción |
-
Joan Clos e Fernández Lores abrirán 'Urbtopías', as xornadas no Museo sobre as transformacións urbanas
Por Mónica Patxot & Anxo Lourido |