Un novo informe do Estado sitúa Bombeiros e parte da Xunqueira de Alba en Poio
Por Alejandro Espiño
Un informe do Instituto Xeográfico Nacional, similar ao emitido hai dous anos, volveu a decantar cara Poio a disputa dos seus lindes con Pontevedra. O organismo, dependente do Ministerio de Fomento, sitúa no concello veciño a zona comprendida entre a autoestrada AP-9 e a Xunqueira de Alba.
Este ditame, concretamente, sinala que os lindes que deben respectarse son os que estaban vixentes en 1889, modificados posteriormente de maneira unilateral por Pontevedra durante a Guerra Civil, en 1938.
Así, o informe conclúe que a comandancia da Garda Civil (sobre a que non se litigaba), o Nó de Bombeiros e parte da propia Xunqueira de Alba son propiedade de Poio, xunto cun treito da AP-9, a glorieta da Ponte das Correntes, un tramo da avenida Domingo Fontán e a cementeira situada nas inmediacións do centro comercial da Barca.
A Pontevedra concédelle, pola súa banda, a rotonda de acceso a O Vao e parte da entrada ao poboado chabolista e, reitera, que o polígono comercial tamén pertence á cidade do Lérez. Non se pronuncia, doutra banda, sobre se os novos límites afectan á titularidade da Ponte das Correntes.
Tras coñecerse este informe, o Partido Popular crebou a unanimidade municipal que, ata agora, había sobre este asunto e pediu "explicacións" ao alcalde ante o que consideran é unha "pérdida de territorio" de Pontevedra en favor de Poio.
"Pontevedra es hoy más pequeña que cuando Lores llegó al poder. No sólo es más pequeña económicamente, como denunciamos siempre, sino también, literalmente, en superficie", explicou Rafa Domínguez, que reclamou coñecer os pasos dados polo Concello en relación con este expediente de revisión de lindes entre os dous municipios.
Este informe do Instituto Xeográfico Nacional supón, segundo Domínguez, unha "decepción" e un "fracaso" do que Fernández Lores é o "máximo responsable", ao entender que "ha pasado de puntillas" por este asunto y "no ha querido abordarlo con profundidad".
O dirixente popular asegura que defenderá ante a Xunta de Galicia que os terreos que este informe sitúa en Poio "son de Pontevedra".
Todos os informes e alegacións presentadas, recorda o Concello, contaron co voto unánime da corporación municipal, incluídos os edís populares
Desde o goberno municipal sinalan que, en todo caso, debe ser o goberno galego o que se pronuncie sobre este asunto e o que terá que ditar unha resolución, xa que o informe do Instituto Xeográfico Nacional non é vinculante.
A Xunta podería, por tanto, optar por aceptar a tese do informe de Fomento, dar a razón a Pontevedra nas súas reclamacións ou buscar unha solución intermedia e salomónica que satisfaga a ambas as partes. Iso si, tampouco se descarta que enterre este asunto nun caixón, xa que o Concello lembra que a decisión dos lindes con Marín espérase desde fai case oito anos.
A principal preocupación de Pontevedra, en todo caso, son as 67 hectáreas da Xunqueira de Alba, xa que o edil de Patrimonio, Vicente Legísima, entende que o feito de que dous concellos teñan que asumir o seu mantemento e conservación iría en detrimento de a protección integral das marismas.
Legísima, en todo caso, móstrase "sorprendido" polas críticas do PP, xa que lembran que os seus concelleiros formaban parte das comisións organizadas polo deslinde nos dous últimos mandatos e todos os informes e alegacións presentadas contaron co voto unánime da corporación municipal, incluídos os edís populares.
Relacionadas:
-
Pontevedra e Poio, dispostos a chegar a acordos pola ponte das Correntes e a Xunqueira de Alba
Por Redacción |
-
Jacobo Moreira pecha filas co goberno do BNG no conflito polos lindes con Poio
Por Natalia Puga |
-
Pontevedra pedirá aclaracións ao informe do Instituto Xeográfico sobre os lindes con Poio
Por Redacción |
-
O conflito dos lindes con Pontevedra, próximo a resolverse en favor de Poio
Por Alejandro Espiño |