Marea reclama medidas de seguridade e accesibilidade no parque Maruxa Mallo, na zona da Parda
Por Redacción
Marea Pontevedra levou este martes á reunión da comisión de mobilidade a situación do parque Maruxa Mallo, ubicado na zona da Parda, e a necesidade de acometer melloras na area de xogo infantil e en toda a contorna.
Segundo informou Marea, a agrupación que encabeza Luís Rei rogou a mellora da contorna do parque en aspectos como aplicar medidas de seguridade e accesibilidade na zona existente entre o parque infantil e a pista deportiva.
Ademais, reclama sinalización para indicar que o parque infantil non é un espazo de acceso dos animais de compañía, senón unha zona para xogos e que na pista deportiva se substitúan as planchas existentes por un sistema anti ruído que amortezan os golpes.
Tamén piden cambios no sistema de alumeado da pista, que na actualidade funciona toda a noite, para que se apague a unha hora que permita gozar da actividade deportiva, pero tamén que a veciñanza descanse.
Solicitar a limpeza nas parcelas privadas, comprobar as medidas de seguridade das vallas que as delimitan e a limpeza en toda a praza e a súa contorna -as beirarrúas da rúa Abundancia están invadidas por silveiras- completan a listaxe de medidas solicitadas.