O CPI Toural, condecorado pola AECID por crear "mellores persoas para o mundo"
Por Redacción
O CPI do Toural de Vilaboa acaba de ser condecorado co Premio Nacional de Educación para o Desenvolvemento 'Vicente Ferrer' co que a Axencia Española de Cooperación Internacional para o Desenvolvemento (AECID) recoñece as boas prácticas de centros educativos públicos en educación para o desenvolvemento.
O centro educativo foi recoñecido polo seu proxecto 'Mellores persoas para o mundo: Comprométete, doa o teu tempo', co que se buscou a sensibilización e concienciación do alumnado, o desenvolvemento do espírito crítico e a participación activa na consecución dunha cidadanía global, solidaria e comprometida.
O fío condutor deste proxecto foi impulsar o voluntariado entre o alumnado, como ferramenta para o fomento do respecto, o desenvolvemento e a adquisición de valores básicos para a vida e a convivencia, valores nos que se fundamenta unha sociedade democrática.
O proxecto supuxo a posta en práctica durante o pasado curso académico no centro educativo de accións solidarias con colectivos sociais xeográficamente próximos e tamén do exterior. Así, preparon biscoitos polo Nadal para o comedor social de Pontevedra, promoveron a doazón de cabelo a favor de ADICAM (Asociación de Diagnosticad@s de Cancro de Mama) e realizaron accións de voluntariado na recollida de alimentos nos supermercados para o Banco de AlimentoS.
De cara ao exterior, promoveron o envío de mantas elaboradas con teares a Refugee Ground Support para os refuxiados acampados nas rúas de París, a elaboración e venda de pulseiras nunha feira solidaria a favor da construción dunha escola de oficios en Amdalai en Gambia, o envío de caixas de xoguetes solidarias aos campos de refuxiados saharauís ou recollida de patíns para un orfanato en Wukro en Etiopía.
Unha carreira solidaria, unha plantación de árbores e actividades de reciclaxe de materiais foron outras das accións promovidas por este proxecto que coordinaron as prifesoras Beatriz Martínez e Beatriz Sampedro e que se ven desenvolvendo xa desde hai anos de cara a acadar unha escola sensible e centrada na educación en valores e a cultura de paz.
O colexio participará nos próximos días no 'IX Seminario en Buenas Prácticas en Educación para el Desarrollo' na República Dominicana, onde se exporá o seu proxecto e o do resto dos centros premiados, entre os que se encontra outro centro galego, o IES Terra de Trasancos de Narón.
O diploma acreditativo do premio entregarase o próximo 3 de decembro nun acto oficial na sede da AECID en Madrid.