Case un centenar de soldados da Brilat parten de misión cara Mali
Por Oskar Viéitez
Ás 09:45 horas deste martes partiu desde o aeroporto de Santiago de Compostela a primeira rotación destino a Mali na cal viaxan preto de 100 militares da Brilat que conformarán o continxente multinacional European Trainning Mission Mali XXI.
A súa misión, de seis meses de duración, consistirá en "instruír, adestrar e asesorar" ás forzas armadas do país africano para que sexa "capaz e autosuficiente de poder xestionar" a súa seguridade, segundo explicou, o tenente coronel Ignacio Armada de Losada.
En concreto, despregarase na rexión de Kulikoró un continxente multinacional de aproximadamente 250 homes, a maioría do grupo táctico 'Zamora', baixo as ordes deste tenente coronel.
A semana que vén partirá o último grupo de soldados da brigada galega.
A maioría dos soldados que partían este martes contaban con experiencia en misións internacionais, unha circunstancia que non evitou as bágoas dos seus familiares no momento da despedida.