Ponte Caldelas repara o afundimento da rúa do edificio Sol
Por Redacción
A rúa que conecta a avenida de Pontevedra co aparcamento do supermercado Froiz, en Ponte Caldelas, está a ser obxecto de reparacións polo Concello. O pavimento, e moi especialmente a beirarrúa, tiña sufrido un afundimento de ata 15 centímetros nalgunhas zonas. Os problemas afectaban tamén ao edificio Sol, onde se estaban a producir filtracións no garaxe.
As obras, que rematarán nunha ou dúas semanas, xa detectaron graves problemas nas conexións das augas pluviais e o mal funcionamento da rede de saneamento, que tiña unha toma solta e estaba filtrando ao terreo.
Os traballos comezaron coa instalación de novas derivacións para as pluviais co obxectivo de que as grellas de recollida funcionen correctamente e evitar así a formación dun gran charco na metade da rúa, onde tamén hai un pequeno afundimento produto dos arrastres de anos de filtracións. As tubaxes de saneamento quedaron tamén reparadas nas xuntas que se tiñan soltado a resultas dos movementos no terreo.
A nova beirarrúa será soportada por grellas metálicas para proporcionar suficiente rixidez e evitar a rotura do novo enlousado.
O goberno local procederá no futuro ao asfaltado parcial da rúa, aínda que o seu firme non está en mal estado, para nivelalo na zona onde se teñen producido os principais arrastres e onde se acumula a auga, garantindo así a correcta drenaxe.
As obras desta rúa, que conta tamén cun parque infantil no seu extremo, foron recibidas polo Concello hai uns 20 anos despois da súa urbanización.