A folga de xuíces e fiscais obriga a suspender polo menos 24 xuízos en Pontevedra
Por Natalia Puga
A segunda folga xeral de xuíces e fiscais que se celebra no que vai de ano tivo este luns un alto seguimento en Pontevedra. Non se facilitaron cifras oficiais da cantidade de profesionais que secundaron o paro no partido xudicial, pero si das actuacións xudiciais que tiveron que suspenderse.
Hai constancia de polo menos 24 xuízos afectados na cidade, aos que habería que sumar outros que os xuíces xa non sinalaron para este día ao xa saber con antelación que secundarían a folga. Isto implica que o feito de que haxa xulgados nos que non fose necesario suspender xuízos ou declaracións non significa que o seu xuíz titular estivese no despacho, senón que pode ser que non tivese nada na axenda previsto para este luns.
En toda Galicia suspendéronse 265 actuacións xudiciais (xuízos ou declaracións), segundo os datos facilitados polos letrados da Administración de Xustiza ao presidente do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG). Destas suspensións, 56 foron en Pontevedra provincia.
Segundo os datos facilitados polo TSXG, o Xulgado do Social número 2 de Pontevedra suspendeu 13 xuízos por motivo da folga e o número 3, outros 11. Ademais, tampouco puido celebrarse un xuízo ordinario sinalizado no Xulgado de Instrución número 2 de Vilagarcía de Arousa.
En toda Galicia, o número de membros da carreira xudicial que comunicaron á súa decisión de secundar a xornada de paro convocada polas asociacións xudiciais é de 144 dos 350 en activo, isto é, o 41% do persoal. A nivel estatal, o seguimento foi maior, pois se sumaron ao paro un total de 3.324 xuíces, o 60,90% da carreira xudicial. Ademais, secundaron a folga un total de 973 fiscais en toda España, o 38,88% da carreira fiscal)
En Galicia, secundaron a folga 29 maxistrados que traballan no TSXG ou nalgunha das audiencias provinciais. En órganos unipersonales, en toda a provincia de Pontevedra comunicaron que se sumaban ao paro un total de 37 profesionais da xudicatura.
A xornada de folga convocárona todas as asociacións xudiciais e de fiscais polas graves carencias que cronicamente sofre a Administración de Xustiza, que deixaron unha situación que os profesionais consideran xa insustentable. É o mesmo motivo polo que xa pararan no principio do ano, coa o anterior goberno do PP e que agora lles leva a reiterar as súas reivindicacións ao goberno estatal do PSOE.
Relacionadas:
-
A folga de xuíces e fiscais obriga a suspender un xuízo por tráfico de drogas no Vao
Por Natalia Puga | Creada e actualizada