O móbil, causante do 40% dos accidentes graves de tráfico
Por Diego Torrado & Redacción
A lectura de whatsapps ou de mensaxes en redes sociais converteuse, segundo a Dirección Xeral de Tráfico, no principal causante de distraccións ao volante ata o punto de que un 40% dos accidentes graves débense ao manexo do móbil mentres se conduce.
No día mundial das vítimas de accidentes de tráfico, as autoridades fan un chamamento á poboación para que sexa responsable nas estradas.
Este domingo, 'Stop Accidentes' convocaba un ano máis un acto para lembrar ás vítimas de accidente de tráfico.
Ata o Pazo de Cultura achegábase a subdelegada do Goberno Maica Larriba; ademais do alcalde de Pontevedra Miguel Anxo Fernández Lores; a concelleira Carme da Silva e, entre outros colectivos, diferentes representantes da Policía Local co intendente xefe, Daniel Macenlle á cabeza. Jeanne Picard, delegada en Galicia de Stop Accidentes lamentaba o incremento de accidentes nas estradas galegas durante o último ano.
As 82 vítimas que se suman en 2018 superan xa en seis a cifra de mortos por accidente viario en Galicia durante o pasado ano. En setembro, o mes máis tráxico, faleceron 15 persoas.
Neste sentido, Maica Larriba, subdelegada do Goberno, quixo incidir na importancia da educación viaria e lembrou que en España faleceron 1.830 persoas durante 2017 sinalando que "algo ocorre na nosa sociedade para que se vexa como algo asumible estas cifras de falecidos nun só ano".
A representante do Goberno apuntou tamén na necesidade de preparar desde as administracións públicas os máis novos para que teñan o máximo respecto e seguridade ao volante, sinalando a importancia do compromiso individual de evitar tomar alcol e drogas ou de utilizar o móbil cando se conduce.
Durante o acto gardouse un minuto de silencio en memoria das vítimas de accidentes de tráfico. Unha lembranza que se repetirá este luns 19 ás 12.00 horas ás portas da Subdelegación de Goberno de Pontevedra.