O Concello e o Sergas colaborarán para mellorar o centro de saúde de Cuntis
Por Redacción
O alcalde de Cuntis, Manuel Campos, e o xerente da área sanitaria de Pontevedra e O Salnés, José Ramón Gómez, acordaron acometer unha primeira fase de obras no centro de saúde de Cuntis por un valor de 25.000 euros. O montante total das obras orzamentadas polo Concello ascende a un total de 42.171,07 euros.
Manuel Campos trasladou o convenio aos grupos políticos da corporación, que xa estaban informados dado que ditas melloras foran tratadas nunha reunión entre todos os grupos e o xerente da área sanitaria.
O alcalde e o xerente acordaron acometer nesta primeira fase as actuacións de máis urxencia e no 2019 abordar o resto das obras. A financiación dos traballos será ao 50% para cada adminsitración.
As obras inclúen a adaptación do mostrador existente e o cambio da porta de entrada, a eliminación de filtracións na cuberta ou a instalación de todos os elementos necesarios para dispoñer de auga fría e quente, entre outras melloras.