Barro promociona as compras no comercio local
Por Oskar Viéitez
Barro presentou a campaña de Nadal EU Quero Mercar en Barro e a II edición da Feira EcoBarrolóxico.
O alcalde do Concello de Barro, Xose Manuel Abraldes, o primeiro tenente de alcalde, José Sanmartín, e a concelleira de promoción económica, Lía Rodríguez acompañados de Luz Gómez, responsable da empresa organizadora da feira Ecolóxica, presentaron as dúas iniciativas que se van celebrar o próximo mes de decembro no municipio.
Eu Quero mercar en Barro é unha campaña de promoción do comercio e a hostalería local que sorteará seis premios de 50 euros e un de 100 euros en vales de compra para gastar nos establecementos adheridos.
Os comerciantes interesados en participar teñen que inscribirse antes do día 26 de novembro no Concello. A campaña empezará no mes de decembro cando os clientes dos comercios e hostelería reencherán os boletos co seu nome e DNI.
O día 5 de xaneiro na Cabalgata de Reis será o día da entrega dos vales aos premiados.
Por outra banda a feira ecolóxica, EcoBarrolóxico, arrancará con actividades moi diversas durante os días 8 e 9 de decembro. Será no pavillón de Barro con agrolimpiadas, obradoiros varios e moitos artesáns.
O tenente de alcalde José Sanmartín animou á veciñanza a participar na campaña e na feira ecolóxica para que poida ser un novo éxito de asistencia como o ano pasado.
José Sanmartín agradeceu a todos os comerciantes e hosteleiros de Barro a súa implicación coas actividades organizadas polo Concello.