O colexio Don Aurelio de Cuntis estrea un simbólico mural
Por Redacción
O alumnado de plástica de cuarto da ESO do CIP Aurelio Marcelino Rey García de Cuntis, presentou este venres un novo mural elaborado no marco do proxecto da Deputación de Pontevedra, "DepoRúARTE. Pintando alternativas".
O tema elixido foi a lingua galega, concretamente as palabras que se están a perder.
Para a elección dos temas centrais do mural os participantes tiveron unha xornada formativa dirixida por Ana Romero e finalmente o mural, titulado "A recuperación da lingua", foi elaborado en colaboración coa artista Noemí Núñez.
Ademais, á presentación deste mural asistiu a deputada de Xuventude e Cohesión Social, Digna Rivas, xunto o corpo docente e o resto do alumnado do centro.
Este proxecto, que forma parte do programa "DepoRúARTE", arrancou a súa terceira edición en maio pasado e xa pasou polo IES de Meaño e polo IES de Barro, entre outros centros educativos. Está destinado á mocidade e o obxectivo deste ano é educar na arte urbana á xente máis nova, para que poida diferenciar entre o que é a arte, que está a deixar unha pegada significativa en cidades como Lisboa, Brístol, Lyon ou Nova York, e o que é o vandalismo urbano.
En cada dos centros que participaron ou van participar neste programa lévanse a cabo varias sesións formativas de debate e reflexión coordinadas polo equipo de traballo en colaboración coas persoas traballadoras dos centros, co obxectivo de ofrecer ao alumnado participante unha formación básica que dote de recursos para identificar e analizar problemáticas sociais co fin de afondar no papel da arte urbana como ferramenta de cambio.
Posteriormente realízase unha xornada de preparación da superficie a intervir no centro escolar (por parte do equipo de traballo), unha xornada de intervención colaborativa na que os alumnos pintan a superficie escollida xunto ao equipo de traballo, e finalmente, o equipo de traballo emprega as xornadas que resulten necesarias para que o mural quede debidamente rematado.