Estiman que haberá uns 75 beneficiarios da renda social que aprobou Pontevedra
Por Alejandro Espiño
A corporación municipal aprobou por unanimidade a ordenanza que regulará a renda social que Pontevedra abonará a persoas ou unidades familiares en risco de exclusión. Entrará en vigor dentro dun mes, tras o trámite de exposición pública, e segundo as estimacións dos técnicos do Concello haberá uns 75 beneficiarios.
Esta renda social, un dos compromisos introducidos por Marea nas negociacións dos dous últimos orzamentos municipais, conta cunha partida asignada de 425.000 euros.
A normativa establece que os beneficiarios cobrarán un mínimo de 403,38 euros, o 75% do indicador público de renda de efectos múltiples (IPREM), unha cantidade que irá en aumento en función do número de membros da unidade familiar ata un tope de 537,84 euros.
Os beneficiarios serán, segundo recolle o texto normativo, persoas cuxos recursos económicos resulten insuficientes para facer fronte a gastos específicos de carácter ordinario, co fin de previr, evitar ou paliar situacións de marxinación social. Esta axuda poderase cobrar durante seis meses, prorrogables a un máximo dun ano.
A renda social municipal será incompatible coa Renda de Integración Social de Galicia (Risga) que, no caso de Pontevedra, cobran 330 unidades familiares. Outros 22 expedientes están pendentes de tramitación. Pontevedra é, segundo datos da Xunta de Galicia, a gran cidade galega que tramita as peticións desta renda en menor tempo.
A edil de Benestar Social, Anxos Riveiro, recoñeceu que a tramitación desta renda foi "complexa" ao ter que os técnicos que "compatibilizar" estes traballos con expedientes "igual de importantes" para os servizos sociais municipais.
Marea Pontevedra, a través da súa concelleira Mari Carmen Moreira, lamentou que a renda tardase "un ano e dez meses" en tramitarse, o que provocará que os beneficiarios non poidan recibila, no máis optimista dos prazos, ata marzo de 2019.
Este atraso tamén foi criticado por PSdeG-PSOE e PP, aínda que con matices. Os socialistas engadiron que o Concello debe asumir estas competencias pola "ineptitude" da Xunta de Galicia, mentres que os populares, que aseguran estar de acordo "con el fondo" desta iniciativa, acusaron ao goberno municipal de "tomar el pelo" a todos.
Relacionadas:
-
Os primeiros beneficiarios da renda social municipal serán antigos menores extranxeiros non acompañados
Por Natalia Puga |
-
Só cinco personas solicitaron a renda social municipal
Por Alejandro Espiño |
-
Enferma, sen ingresos e cinco meses esperando unha resposta para percibir a Risga
Por Natalia Puga & Mónica Patxot |
-
Respaldo unánime a converter o antigo campo de fútbol de Praceres en zona deportiva e de lecer
Por Alejandro Espiño & Mónica Patxot |
-
Marea facilitará a aprobación do orzamento municipal coa súa abstención
Por Alejandro Espiño |
-
Os beneficiarios da renda social municipal cobrarán un máximo de 537 euros ao mes
Por Alejandro Espiño |
-
Marea esixe ao goberno municipal que poña en marcha "dunha vez" a renda social
Por Redacción |