Carmela Silva evita aclarar se repetirá como candidata a presidir a Deputación
Por Oskar Viéitez
Carmela Silva evitou falar de "futuribles" respecto a a posibilidade de seguir sendo presidenta da Deputación de Pontevedra despois das próximas eleccións municipais. "Eu vivo o presente día a día", xustificou, xa que "non penso nesas cousas".
O que se dixo ter claro é que "estes catro anos de mandato van pasar á historia da Deputación". Unha valoración que asegurou facer "desde a humildade" rexeitando "porque é imposible" que teña que ver "cunha soa persoa" o traballo que, segundo indicou, converteu á administración provincial nunha "referencia de xestión" en igualdade, medio ambiente, tratamento de residuos, mobilidade, política social, turismo, mocidade ou apoio aos sectores produtivos.
Nunha rolda de prensa celebrada este venres a presidenta provincial encomiou a xestión do "potentísimo" equipo de goberno e técnico. "Estou encantadísima de ser a cara visible deste goberno", ratificou.
"O que ocorra mañá ou pasado mañá pois xa veremos, desde logo para min é un privilexio ser a presidenta da Deputación", contestou.
A DEPUTACIÓN QUE MÁIS RECURSOS TRANSFIRE DIRECTAMENTE
No transcurso da rolda de prensa a presidenta da Deputación, Carmela Silva, deu a coñecer os datos do Ministerio de Facenda que sitúan á institución pontevedresa como a administración provincial de todo o Estado que máis recursos transfire directamente aos concellos. En concreto, o 28,6% do seu orzamento mentres que a media do Estado sitúase no 0,9%.
Carmela Silva puntualizou que estas son as cifras que manexa o Ministerio de Facenda, "recollidas sendo aínda ministro Montoro".
"E estes son os datos oficiais, os verdadeiros, os reais" dixo Carmela Silva en contraposición coas cifras esgrimidas polo Partido Popular "que son mentira, que se corresponden con datos manipulados", asegurou.
Ademais comparou que a Deputación de Ourense "soamente" transfire directamente aos concellos o 0,06%. "Os datos son escandalosos, algún deputado do PP ten algo que dicir?", manifestou Silva.
A presidenta da Deputación de Pontevedra destacou que o 41,9% dos fondos que o organismo provincial achegou aos concellos entre os anos 2016 e 2019 foron para concellos gobernados polo PP mentres que os gobernados polo PSdeG recibiron o 29,9%, os do BNG o 15,3% e os gobernados por grupos políticos independentes o 12,9%.
Finalmente Carmela Silva insistiu no respecto á autonomía local por parte do goberno provincial. "Esta é a verdadeira democracia en estado puro", concluíu.