Moraña inicia as obras para crear unha senda fluvial nos ríos Cornide e Agra
Por Redacción
Case 50.000 euros investirá o goberno municipal de Moraña na creación dunha senda fluvial pola beira dos ríos Cornide e Agra, un proxecto que inclúe a limpeza e a posta en valor do lavadoiro de Agriños.
As obras centraranse no acondicionamento das marxes destes dous ríos, que se atopan en mal estado, e na posta en valor de elementos patrimoniais e etnográficos, un apartado no que se inclúe a citada mellora do lavadoiro ou a preparación do acceso ao muíño.
Os obxectivos son a creación dun espazo de lecer e protección da biodiversidade, a mellora da accesibilidade desta zona de río entre os lugares de Agriños e Barosela -ambos na parroquia de Saiáns-, a recuperación dunha zona de alto valor ambiental, a promoción das actividades físicas en grupo e o acondicionamento do medio natural con defensa das zonas de ribeira.
Deste xeito, a proposta do Concello pasa por crear un acceso que facilite o tránsito peonil e que recupere esta contorna paralela aos ríos cunha actuación respectuosa co medio ambiente e integrada na paisaxe que permita o percorrido a todos os públicos grazas á súa ampla visibilidade e suaves ou nulas pendentes.
Os traballos consistirán nas labores iniciais de roza e poda para a posterior creación dunha senda, da que xa está feita a base en todo o percorrido, con dous metros de anchura.
Esta zona sanearase e dotarase de zahorra e completarase coa instalación de tres pasarelas de madeira de piñeiro, a sinalización informativa e a posta en valor do lavadoiro.