Montecelo contará con dúas resonancias magnéticas operativas a partir de xaneiro de 2019
Por Anxo Lourido
O conselleiro de Sanidade, Jesús Vázquez Almuiña, acudía este venres ao Hospital Montecelo para comprobar o avance das obras de remodelación de espazos que permitirá, en xaneiro de 2019, que estea operativa a segunda unidade de Resonancia Magnética, dentro do servizo de radiodiagnóstico.
O novo aparello dispón da última tecnoloxía en antenas dixitais que mellora nun 40% a relación sinal/ruído eléctrico, mellorando a calidade de imaxe, os diagnósticos son máis precisos e os estudos máis complexos.
Desta forma, indicou o conselleiro, reducirase a lista de espera que, apuntou, atópase en cifras razoables. Conta cun imán de última xeración máis curto para reducir a sensación de claustrofobia e mellora. Trátase dun investimento de máis de 900.000 euros no novo equipo e unha obra que supera os 490.000 euros.
A instalación do novo dispositivo realizouse na zona que no deseño do novo Gran Montecelo estará dedicada ao radiodiagnóstico. Neste sentido, Vázquez Almuiña adiantou que o plan sectorial está a funcionar ben e todos os servizos están a colaborar para planificar o desenvolvemento das obras.
PLAN SUPRAMUNICIPAL PARA OS "LEIRAPARKING"
O titular de Sanidade indicou que a petición do Concello de Pontevedra para que a Xunta considerase supramunicipal a expropiación dos terreos particulares que actualmente se empregan como aparcadoiros, coñecidos popularmente como "leiraparking", non é posible afrontalo dentro da proposta do Gran Montecelo porque a petición do goberno local chego cando o proxecto xa pasara a exposición pública a nivel ambiental.
En caso de incluílo agora atrasaría moito a obra debido aos trámites administrativos.
Con todo, apuntou a que desde a Consellería de Sanidade vese con bos ollos, e atendendo ao informe da secretaría xeral de Urbanismo, convídase ao Concello de Pontevedra a que asuma esa competencia. Desta forma, levando unha xestión paralela, afirmou que non se atrasará o procedemento e a Xunta axudará a que se poida formalizar.
O conselleiro insistiu en que todas as administracións e os profesionais do complexo hospitalario están a implicarse no proxecto de renovación do Hospital Montecelo e espera que a licitación se poida levar a cabo durante o próximo ano.
Relacionadas:
-
A resonancia magnética móbil reanuda a súa actividade no Hospital Provincial
Por Redacción |
-
Marea advirte que o Gran Montecelo "asestará unha nova estocada" á sanidade pública
Por Alejandro Espiño |
-
Chega a nova resonancia magnética do Hospital Montecelo
Por Redacción |
-
Montecelo estreará un segundo equipo de resonancia magnética a principios de 2019
Por Redacción |