Pontevedra recoñece os mellores proxectos impulsados pola mocidade da provincia
Por Redacción & Mónica Patxot
Promocionar o talento e o potencial da mocidade da provincia de Pontevedra. É o obxectivo dos Premios Provinciais á Xuventude que, este xoves, foron entregados nunha gala celebrada no Pazo da Deputación de Pontevedra.
Valorados en 22.000 euros, estes premios recoñeceron as mellores iniciativas presentadas nas categorías de proxectos sociais, educación en valores, emprendemento, novas tecnoloxías, música ou literatura, entre outras.
Na súa intervención, a presidenta da Deputación, Carmela Silva, destacou que a mocidade de Pontevedra "ten tanto talento e ideas e proxectos tan potentes que me atrevo a dicir que temos o futuro garantido".
Na modalidade de iniciativa social, o primeiro premio foi para Fernando Baquero Díaz-Maroto de Pontevedra polo Programa Rodando, un proxecto que mestura deporte, diversión e inclusión co obxectivo de facer visibles e involucrar ás persoas con diversidade funcional.
O segundo premio gañouno Lara Rodríguez Burgos, do Porriño, por Porque me sale del moño, iniciativa que organiza exposicións e obradoiros para concienciar sobre a violencia machista; e o terceiro premio foi para Claudia Alonso Alonso e Alejandro Rodríguez de Tui por Agora ti que ten como temática a violencia machista no ámbito deportivo e das redes sociais.
María Sandra Rodríguez Burgos, do Porriño, recibiu o primeiro premio na modalidade de iniciativa empresarial pola plataforma online 30K Coaching, que se basea na conexión entre potenciais clientes de coaching con profesionais e contidos especializados na área que cada un busca.
O segundo foi para Borja Conejero Jordán de Vigo por Del mar al plato, una iniciativa empresarial que consiste na oferta de produtos das lonxas galegas, conservas, viños galegos e produtos gourmet dirixidos a particulares; e o terceiro para a tamén viguesa Iris Mallafre Villot de Vigo por Vahidé CB, un espazo onde se combina a venda de produtos artesanais, deseñados e feitos no país, con talleres e cursos que teñan relación coas manualidades.
Na modalidade de educación en valores, o IES Ribeira do Louro do Porriño recibiu o primeiro premio. A súa iniciativa, Teatro que educa, consiste en traballar co teatro dende diferentes temáticas e valores.
O IES Chano Piñeiro de Forcarei recibiu o segundo premio por Igualdade no Chano Piñeiro, un proxecto que fomenta e traballa valores moi importantes como a detección de micromachismos; mentres o terceiro premio recaeu en Vigo, no CPR Plurilingüe Monterrey, por O noso plan de convivencia.
Jacobo Caruncho Pérez, de Vigo, recibiu o primeiro premio na modalidade de blogs pola iniciativa Empositivo. O segundo premio levouno Hortensia Gesteira Estévez, de Bueu, por Lecturafilia e o terceiro foi para María Sandra Rodríguez Burgos, tamén primeira premiada na categoría de iniciativa empresarial, por 30K coaching.
Na modalidade de fotografía orixinal, recibiu o primeiro premio Rebeca López Villar, de Vigo, por O caso é dar con elas, unha composición poética na que se xoga coa aparición e coa desaparición. O segundo premio foi para Helena Constenla Lorenzo, de Poio, por Volviendo a ser, que traballa co movemento e amosa a vitalidade da xuventude. O terceiro foi para Carolina Sertal Souto, de Redondela, por Invisible, que xoga coa metáfora da invisibilidade.
En canto aos mellores traballos musicais, o primeiro e o segundo premio quedaron desertos. O terceiro recibiuno Loiros Agulla, de Vigo, por Rebirthmark, unha composición baseada no poema Love after love de D. Walcott.
Por outra banda, en narrativa, o primeiro premio ex aequo foi para Candela de Sandra Ferreiro García e La Cueva de María Teresa Pereiro Pereiro, mentres que o segundo foi para Andrés Sierra Cardalda por El vecino. No caso de poesía, o primeiro premio recaeu en Carolina Sertal Souto por Anguria e o segundo foi a parar a Marina Tilve Gallego por (Sobre)vivindo.
A gala, marcada pola vangarda, o uso das TICS e a presenza de centos de persoas que encheron o salón de plenos do Pazo Provincial, contou tamén no escenario cun showcooking a cargo de Anxo Souto, profesor Carlos Oroza, e dous dos seus alumnos; e coa actuación musical da artista coñecida como Pack.