Impulso para a variante da N-640 entre Caldas e Vilagarcía
Por Redacción
O delegado do Goberno en Galicia, Javier Losada, anunciou este xoves a licitación do contrato de servizos para redactar o estudo informativo da variante da estrada nacional 640 entre Vilagarcía e Caldas de Reis.
Trátase dun viario que servirá ao porto arousán e á área occidental de Caldas supoñendo, asegurou, unha mellora para o tráfico, a mobilidade e a seguridade viaria cun investimento de 54 millóns de euros.
Losada fixo este anuncio durante unha visita a Vilagarcía na que estivo acompañada da subdelegada do Goberno, Maica Larriba, e o alcalde da localidade, Alberto Varela.
O delegado do Goberno tamén se referiu ao "último convenio de rexeneración e renovación de vivendas do Ministerio de Fomento", polo que a provincia de Pontevedra recibirá 4,2 millóns de euros para chegar a 594 vivendas, mentres que en Vilagarcía son doce as vivendas que recibirán case 121.000 euros en Carril, Vilaxoán e Vilagarcía.
Outro dos temas abordados na reunión en Vilagarcía foi a seguridade, adquirindo o delegado o "compromiso de incrementala". A pesar diso Javier Losada defendeu que o municipio arousán é "un concello seguro cunha taxa de criminalidade por baixo da media do Estado".