Asegura ao tribunal que baixou do coche para ouriñar e non a tirar un paquete con droga
Por Oskar Viéitez
Esperábase un acordo de conformidade entre a Fiscalía e a defensa, por iso sorprendeu que este xoves o acusado negase os feitos que o levaron ao banco da Sección Segunda da Audiencia de Pontevedra. É dicir, rexeita que arroxase un paquete con 150 gramos de heroína ao toparse cun control na Autovía do Salnés.
O fiscal antidroga, Pablo Varela, pediu unha condena de cinco anos de cárcere e unha multa de 20.000 para Jose Antonio R.C., un arousán que foi detido pola Garda Civil tras ser descuberto polos axentes tirando a droga á maleza.
Respondendo as preguntas do seu avogado, o acusado asegurou que baixou do coche para ouriñar e esgrimiu unha multa que lle foi posta por esta circunstancia ao baixar do seu vehículo en plena autovía sen vestir o chaleco reflector e poñer a sinalización oportuna.
Con todo os axentes que formaron parte deste control de tráfico explicaron á sala que o 31 de xullo de 2017 pouco antes das sete da tarde, o acusado conducía pola Autovía do Salnés nun Audi A3 cando advertiu a presenza do control policial.
Os axentes viron como este individuo detiña o vehículo e baixaba para arroxar un paquete á maleza. Os cans da unidade cinológxca da Garda Civil, que formaban parte do control, localizaron o paquete entre unhas matogueiras.
Tras a análise do contido revelou ser 150 gramos de heroína, cunha pureza do 28,3 por cento. A peritaxe sinala que a referida droga tería un valor de algo máis de 8.000 euros no mercado negro.