Dez meses de prisión para el, unha vida esnaquizada polos malos tratos para ela
Por Natalia Puga
Para el, dez meses de prisión, dous anos de prohibición do dereito á tenencia e porte de armas e dous anos de prohibición de aproximarse á súa ex esposa e comunicarse con ela. Para ela, crise de ansiedade e unha vida esnaquizada polos malos tratos de quen elixira como compañeiro de vida e pai dos seus tres fillos.
Esas son as dúas condenas que saíron dun caso de violencia de xénero ocorrido en outubro de 2017 e que xa acabara en sentenza dous meses despois no Xulgado do Penal número 4 de Pontevedra, pero que agora volve á actualidade porque a Audiencia Provincial decidiu rexeitar o recurso presentado polo maltratador e confirmar o fallo xudicial previo.
Os feitos teñen como protagonistas a Amador e María Luisa, ambos os dous nomes ficticios para preservar a intimidade da vítima. Se se coñece o nome real del, saberíase o dela, pois ambos mantiveron unha longa relación matrimonial e teñen tres fillos menores en común, e supoñería volver revivir un duro momento vital que agora tenta superar.
O episodio que será difícil de esquecer ocorreu, segundo considerou probado o xulgado, sobre as 9.00 horas da mañá do 7 de outubro de 2017, cando ambos estaban no domicilio familiar e Amador comezou unha discusión coa súa esposa relacionada con levar a un dos seus fillos a un partido. Nun momento do enfrontamento, empuxouna varias veces, agarrándoa con violencia, cuspiulle mentres lle daba golpes no peito varias veces e levantoulle os puños.
Este escena de violencia física levou acompañada unha alta dose de violencia psíquica. Mentres a golpeaba e cuspía, dicíalle que se o denunciaba , el iría ao cárcere e non lle daría nada aos nenos, de modo que lle quitarían aos nenos porque non tería con que mantelos.
A gravidade do ocorrido aínda foi maior, pois toda esta agresión machista foi presenciada polos tres fillos do matrimonio, que estaban na vivenda, e durou ata que María Luisa dixo 'basta' e chamou á Garda Civil.
María Luisa non sufriu lesións físicas, pero ese mesmo día necesitou asistencia médica por unha crise de ansiedade derivada desta situación.
Cando ocorreron os feitos Amador xa tiña antecedentes penais por violencia de xénero, aínda que estes figuraban xa como cancelados. Agora, suma unha nova condena, pero de menor gravidade do que facían prever os feitos que o xulgado considerou probados. Foi condenado como autor dun delito de lesións psíquicas leves no ámbito da violencia contra a muller cometido no domicilio común e en presenza de menores -os seus tres fillos-.
Na cualificación xurídica dos feitos tense en conta a circunstancia atenuante de embriaguez, pois no momento dos feitos Amador estaba ebrio. Esa circunstancia non anulou a súa vontade, pero os dous xulgados que revisaron a causa consideraron que si minguou a súa capacidade para controlar os seus actos.
Amador recorreu a sentenza do Xulgado do Penal alegando erro na valoración da proba, vulneración do dereito á presunción de inocencia e o principio in dubio pro reo do condenado e pediu ser absolto. Esa petición tivo en contra á Fiscalía e á vítima e finalmente, a Sección Cuarta da Audiencia decidiu desestimalo e confirmar a condena previa. De todos os xeitos, o fallo non é firme e cabe interpoñer recurso de casación ante o Tribunal Supremo.
Relacionadas:
-
A campaña municipal do 25-N visibilizará o medo e a soidade que sofren as vítimas de violencia machista
Por Natalia Puga & Mónica Patxot |
-
'Invisibles' convida a dicir "basta xa" á violencia machista desde o patio de butacas
Por Natalia Puga & Mónica Patxot |
-
Pontevedra 'tirará das orellas' ao ámbito xudicial con motivo do 25-N
Por Alejandro Espiño |