David Amor apadriña a Gran Recollida Solidaria do Banco de Alimentos
Por Redacción & Mónica Patxot
O humorista David Amor agarda que se superen na vindeira Gran Recollida Solidaria os 325.000 quilos de alimentos que se obtiveron durante a anterior edición. O artista é no novo embaixador para esta cita de recollida da Fundación Provincial Banco de Alimentos que se desenvolverá durante os días 30 de novembro e 1 de decembro.
Amor visitaba este mércores a sede situada na rúa Faustino Santalices de Pontevedra e confirmaba a súa participación como voluntario durante a primeira xornada da campaña, botando unha man nos supermercados que colaboran nesta iniciativa.
Esta tarde o monologuista preparaba xa algúns dos repartos de alimentos que realizará a organización non gubernamental para entregar entre os diversos colectivos sociais cos que traballa dentro da comarca.
David Amor sinalaba que lle parecía incríble que "estando os tempos tan revoltos como están na actualidade, hai moita xente boa por aí". Animou ademais, co lema "Sé protagonista' á cidadanía de Pontevedra a sumarse como voluntarios a esta proposta solidaria. Necesitan ao redor de 200 persoas que agasallen catro horas para axudar as persoas desfavorecidas durante a campaaña.
Para facerse voluntario hai que cubrir un formulario colgado na web da fundación solicitándoo no teléfono 986 86 5301.