Polémica en Poio ao coincidir unha andaina polo Castrove cunha xornada de caza
Por Oskar Viéitez
A Concellería de Deportes do Concello de Poio saíu ao paso das acusacións do grupo municipal do Partido Popular nas que aseguraron que unha xornada de caza no Monte Castrove puxera en perigo aos participantes dunha ruta que atravesou o coto no que se estaba cazando con autorización mentres que a andaina "carecía de permisos".
Desde o Concello aseguran que a camiñada do pasado día 28 de outubro que en parte transcorreu polo Monte Castrove "realizouse coas condicións de seguridade óptimas para o desenvolvemento da mesma".
Segundo indicou a Concellería de Deportes "o percorrido fíxose por unha ruta de acceso público aberta e dirixida ao acceso aos camiñantes e non houbo ningún tipo de incidente nin interferencia noutras actividades que se desenvolven no monte, como pode ser a caza". E engade que "no caso da caza tería que gardar sempre as medidas de seguridade e cumprir os requisitos para o seu exercicio dado que a súa práctica esta suxeita ás pertinentes limitacións legais en cuestións de seguridade".
Ademais subliñan desde o goberno local que os participantes da ruta foron acompañados de monitores especializados, con experiencia neste tipo de actividades, e que "en ningún momento detectaron situación de perigo algunha pola presenza de cazadores na zona pola que transcorría a marcha, xa que en caso afirmativo, obviamente, tomaríanse as medidas pertinentes".
Finalmente apuntan que as opinións dos participantes tanto nesa ruta como nas anteriores chegadas a esta Concellería, "falan dun éxito de organización e satisfacción pola súa banda".
A concelleira Marga Caldas lamentou que "unha vez máis o PP postúlase contra o deporte deste concello" e criticou que "o PP quere pechar o acceso público aos montes e limitalo ao uso da caza ou ao servizo da pasteira Ence".
A denuncia dos populares tivo lugar na comisión de cultura deste martes na que o concelleiro popular García Freijeiro asegurou que a concellería de deportes dirixida por Marga Caldas, "puxo en serio perigo aos participantes da Ruta da Ría".
Os populares dixeron que estaban a trasladar as denuncias da comunidade de montes de San Xoán, propietaria da maior parte dos terreos polos que se desenvolveu o itinerario, así como de varios cazadores, "xa que os participantes atravesaron o monte mentres se desenvolvía unha xornada de caza, sen dar aviso aos comuneiros nin comunicar ou coordinar a ruta cos cazadores, con evidente risco para a seguridade dos camiñantes".
"Afortunadamente non pasou nada, pero este é un tema moi serio e puido suceder unha desgraza", explicou García Freijeiro.