As Rías Baixas, dispostas a 'seducir' ao turista asturiano
Por Redacción
Os turistas procedentes de Asturias son, para as Rías Baixas, "preferentes". Así o sinalou a presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, na presentación que o destino fixo na capela do Hotel Reconquista de Oviedo.
No acto, no que Silva estivo acompañada do alcalde da capital asturiana, Wenceslao López, Rías Baixas presumiu dos seus principais atractivos como destino turístico. Foi ante un público cheo de turoperadores, medios de comunicación, autoridades locais e autonómicas e representantes de colectivos como centros galegos como o de Avilés.
Neste eido, a presidenta provincial referiuse a moitos dos aspectos que comparte Asturias coas Rías Baixas, dende a paisaxe natural, ata a gastronomía excelente, os produtos vitivinícolas e os da terra, a historia e ata aspectos relacionados coa lingua.
Xunto aos aspectos compartidos, Carmela Silva tamén destacou as condicións que fan única á provincia de Pontevedra, xa que destacou o valor seguro do sol e da praia, pero tamén da tradición, da cultura, da gastronomía, da enoloxía, da música, da historia ou da innovación.
"Somos historias e queremos que a cidadanía asturiana poida coñecelas, porque detrás de cada unha delas hai un motivo para visitarnos e para que Asturias e Pontevedra estean, se cabe, máis unidas", manifestou Silva.
Ademais de presentar esta oferta turística, a presidenta da Deputación aproveitou a ocasión para facer fincapé na necesidade de compartir sinerxías, porque entende que Asturias e Pontevedra "temos moito que ofertar conxuntamente" á hora de deseñar paquetes baseados na sustentabilidade ou na riqueza natural e patrimonial.
Pola súa banda, o alcalde de Oviedo destacou que "queremos tomar toda esta simboloxía de Carmela Silva e estender en Asturias ese amor á provincia de Pontevedra, que creo que está aquí moi enraizado e é un amor seguro".
Ao remate da presentación da campaña, e tamén durante a mañá, Carmela Silva mantivo un encontro de networking con turoperadores cos que xa se pecharon acordos, así como reunións de traballo nas que se abordaron cuestións relacionadas coa innovación e a xestión intelixente dos destinos turísticos, eixos nos que a institución provincial está a traballar activamente.