O Día do Carme e o Mércores de Cinza repiten como festivos locais en Marín
Por Redacción
O pleno do Concello de Marín celebrado este mércores aprobou os festivos locais para 2019.
Saiu adiante a proposta da concelleira de cultura coas datas 16 de xullo, día da Virxe do Carmen, e o 6 de marzo, Mércores de Cinza, e que en Marín ten lugar o Enterro da Sardiña.
A normativa estatal recoñece 14 festivos anuais de ámbito nacional non recuperables, dos que dous son elixidos polos concellos.
Dos outros 12 restantes, nove son de carácter obrigatorio e non sustituibles a non ser que coincidan en domingo: 1 de xaneiro, Venres Santo (19 de abril de 2019), 1 de maio, 15 de agosto, 12 de outubro, 1 de novembro, 6 de decembro, 8 de decembro e 25 de decembro.
O ano que vén só un festivo nacional coincide en domingo -o 8 de decembro, a Inmaculada Concepción-, que se substituirá en Galicia polo 19 de marzo.
Os tres festivos restantes son o 6 de xaneiro, que nunca se cambia, agás se coincide en domingo, como ocorre en 2019; o Xoves Santo (18 de abril de 2019), que Galicia non cambia tradicionalmente; e o 25 de xullo, cando a comunidade conmemora o Día de Galicia. Nesta ocasión, o 6 de xaneiro, ao caer en domingo, substitúese polo 17 de maio, Día das Letras Galegas.