Comisións Obreiras gana as eleccións sindicais na Deputación "a pesar da interferencia do goberno socialista"
Por Oskar Viéitez
O persoal laboral da Deputación de Pontevedra celebrou este martes as eleccións sindicais nas que resultou gañador Comisións Obreiras.
Un total de 433 empregados públicos podían participar para elixir un comité de empresa de 13 membros, dos que 99 traballadores especialistas escollían 3 membros e os 10 restantes eran seleccionados por un censo de 334 funcionarios.
Nas votacións participaron o 70% das persoas do censo electoral.
Ás eleccións presentáronse unha candidatura de CC.OO. e outra da UXT, saíndo elixidos 7 de Comisións Obreiras e 2 de UXT polo Colexio de Técnicos e Administrativos e 2 de Comisións Obreiras e 1 de UXT polo Colexio de Especialistas, o que determina un resultado global de 9 delegados de Comisións Obreiras e 4 delegados de UXT.
O secretario de organización de Comisións Obreiras, José Luis García Pedrosa, valora moi positivamente o resultado electoral que "certifica o bo traballo sindical realizado nos últimos anos e que ratifica a ampla confianza do persoal laboral da Deputación no noso sindicato".
García Pedrosa engadiu que "o que lamentamos en CC.OO. é a interferencia do goberno socialista da Deputación a favor da UXT, tanto na confección da candidatura como na campaña electoral, vulnerando a máis elemental liberdade sindical".
UGT conseguiu entrar, por vez primeira, no comité de empresa do persoal laboral da administración provincial o que, ao seu xuízo, manifesta que "unha grande parte do persoal laboral da Deputación quería un cambio".
Ata o momento, explican, no comité de empresa do persoal laboral da institución provincial "soamente había unha voz sindical que tiña hexemonía".
Por este motivo, a pretensión da UGT era rachar con esta situación e entrar a formar parte do comité "con novas formas e novas ideas", o que se traduce en "antepoñer o diálogo á crispación, evitar actuar con secretismo e poñer en valor unha xestión sindical comprometida, con propostas elaboradas con criterio que fomenten a transparencia e a equidade sen discriminación".