Pontevedra toma nota das "supermazás" de Barcelona
Por Redacción
A delegación de doce concellos de Pontevedra que está a visitar Cataluña, para estudar modelos de recuperación do espazo público, coñeceron este martes a fórmula que emprega a cidade de Barcelona: as coñecidas como "superilles" ou "supermazás".
Segundo explicou a coordinadora deste programa, as "supermazás" naceron hai uns 20 anos coas peonalizacións de barrios como o de Gràcia e dende hai seis anos están a tomar un novo enfoque: recuperar espazo público para os peóns, limitando o tráfico motorizado e dando prioridade á mobilidade sustentable e ao espazo compartido priorizando os espazos verdes.
"As rúas interiores pasan a ser espazos onde o dereito de paso de vehículos xa non é a función principal, senón que se converten en espazo de estancia e intercambio social e de xogo, gañándoas para a actividade cidadá", apuntou a técnica.
A delegación pontevedresa coñeceu dous dos casos das "supermazás" que están en marcha: Poblenou e Sant Antoni. Nelas, aplicáronse medidas básicas de mobilidade con actuacións temporais, reversibles e de rápida execución que permitiron visualizar os novos usos que se podían chegar a facer.
A técnica, ao finalizar a visita, e coñecendo o traballo feito na cidade de Pontevedra manifestou o seu interese en visitar persoalmente a reformulación da vila do Lérez, recoñecendo que as medidas adoptadas polo goberno local foron moito máis efectivas de cara á recuperación do espazo público.
Igualmente indicou que o traballo dos gobernos locais, independente do seu tamaño ou poboación, referíndose aos concellos da comitiva, debe dirixirse cara a crear espazos de convivencia veciñal. "A día de hoxe en Barcelona e en ningún sitio a cidadanía vai pedir máis tráfico por diante da súa casa. Iso é impensable", destacou.
A delegación pontevedresa desprazouse xa pola tarde a Sitges, onde puideron comprobar o fracaso de todos os intentos de recuperación do espazo público plantexados nos diferentes plans de mobilidade aprobados polo consistorio desta vila turística.
Fontes municipais relataron que o goberno local impulsou moitos estudos sobre como recuperar diferentes zonas e promover unha recuperación da vila para as persoas limitando o tránsito de vehículos con control mediante cámaras, bolardos de acceso ou policías, pero todos eles foron inútiles e non se conseguiu nin peonalizar o casco antigo.
Os concellos teñen previsto acudir este mércores á xornada organizado pola Deputación de Barcelona baixo o título "Contorna urbana e saúde", onde o vicepresidente César Mosquera está convidado como relator para falar de "Ideas básicas para a transformación práctica dunha cidade: Pontevedra".
Relacionadas:
-
Póvoa de Varzim achégase a coñecer a transformación urbana de Pontevedra
Por Redacción |
-
Carme da Silva fala en Euskadi do modelo urbano pontevedrés como "espazo feminista e alternativo"
Por Redacción |
-
Viaxe formativa a Barcelona para 12 concellos de man da Deputación
Por Redacción |
-
Pontevedra, no debate de mobilidade sustentable do xornal portugués Público
Por Redacción |