Os 'Sorrisos Transformadores' para visibilizar o colectivo LGTBI chegan a Cuntis
Por Redacción
A mostra 'Sorrisos Transformadores' posta en marcha pola Deputación de Pontevedra e a Asociación de Familias de Persoas Trans* Arelas para a visibilización do colectivo LGTBI chegará este mes ás instalacións do CPI Aurelio Marcelino Rey García.
A mostra estará aberta ao público ata o vindeiro día 30 de novembro en horario de luns a venres de 9:00 a 14:00 horas. A inauguración oficial será o martes 20 de novembro ás 15:30 horas coa presencia do alumnado e profesorado do centro escolar. Tamén haberá unha charla-coloquio coa presidenta de Arelas, Cristina Palacios.
'Sorrisos Transformadores' é unha mostra fotográfica que ten por obxectivo a reflexión, por parte da cidadanía, sobre a realidade do colectivo trans e a prevención de actitudes discriminatorias. Así, pretende sensibilizar sobre a realidade destas persoas co fin de promover a igualdade de oportunidades e o respecto á diversidade.
Trátase dunha exposición itinerante que está percorrendo distintos concellos da provincia con dez fotografías de Noemí Chantada que amosan dez realidades de persoas trans e doutras persoas que non o son pero que, pola súa profesión, están moi vinculadas coa súa realidade. Todas as imaxes reflicten persoas alegres, orgullosas, positivas, que amosan unha parcela da súa vida que lles gusta. Cada fotografía está acompañada por un texto que reflicte unha frase ou unha idea sobre a protagonista ou sobre a súa contorna.
A finalidade de 'Sorrisos Transformadores' é dobre. Por unha banda, prever actitudes e comportamentos discriminatorios por orientación sexual ou identidade de xénero, e por outra, combater o acoso escolar por estes dous motivos, favorecendo a visibilidade do alumnado LGTBI e a plena normalidade das orientacións sexuais e identidades de xénero.