O BNG de Sanxenxo culpa dos novos recibos do IBI ás "políticas especulativas do PP"
Por Oskar Viéitez
O BNG de Sanxenxo culpa ás "políticas especulativas do PP" os novos recibos do IBI que están a chegar á veciñanza "con valores máis elevados e atrasos dos últimos tres anos", o que permitirá ao concello recadar millón e medio de euros.
Os nacionalistas critican que co novo orzamento municipal "volven ao modus operandi do Partido Popular inflando descaradamente os orzamentos vendendo proxectos que ben non se chegan a facer e os que fan sempre son con escurantismo, sen consenso veciñal e con moito, moito cemento".
Así Sandra Fernández Agraso, concelleira do BNG, lamentou que no Partido Popular "fachendean de que son os orzamentos máis elevados do último lustro á conta do abuso aos veciños e veciñas de Sanxenxo e ao inflado da política de propaganda".
"Haberá familias que, desgraciadamente, terán que elixir entre pagar eses atrasos da urbana ou a calefacción", dixo Fernández Agraso.