Preocupación en Barro pola inseguridade na PO-531 ao seu paso por Outeda
Por Redacción
O alcalde de Barro solicitará unha reunión coa conselleira de Infraestruturas para tratar os problemas de seguridade viaria na PO-531 ao seu paso polo lugar de Outeda.
Segundo sinala o goberno local, o antigo treito da PO-531 entre a igrexa de Curro e o acceso ao polígono industrial de Barro representa un "perigo diario" para o tránsito dos peóns no seu entorno, ao carecer de beirarrúas e medidas para o calmado da circulación dos vehículos.
Así mesmo, tamén representa un "perigo evidente" na saída e entrada de vehículos nas propiedades dos veciños dese lugar.
No seu día, a Consellería de Infraestruturas prometera actuar nese treito para urbanizalo e dar maior seguridade a peóns e vehículos, pero a día de hoxe aínda non se levou a cabo ningunha actuación por parte da Xunta de Galicia.
A corporación de Barro aprobou por unanimidade, no pleno do 27 de setembro, unha moción, presentada polo goberno municipal demandando á Consellería de Infraestruturas e Vivenda, que habilite medidas para o calmado do tráfico e outras actuacións que dean seguridade ás persoas que circulan e cruzan nesa estrada.
O alcalde, Xosé Manuel Fernández Abraldes, vén de solicitar unha reunión coa conselleira para expresarlle a preocupación tanto da corporación como da veciñanza de Curro ante o perigo que representa a situación desa estrada e tamén para saber que medidas pensa acometer a Xunta de Galicia para solucionalo.