Pescadores salvadoreños visitan Marín para intercambiar experiencias
Por Redacción
Tres representantes do sector pesqueiro artesanal de El Salvador visitan Galicia esta semana para intercambiar experiencias e escoller as máis exportables ao seu contexto.
Este luns estiveron no Porto de Marín para coñecer o traballo que se desenrola nesta rada, dentro do proxecto de Cooperación Internacional de pesca sostible que as ONGD galegas Asemblea de Cooperación pola Paz (ACPP) e a Asociación Galega de Reporteiros Solidarios (AGARESO) realizan no país centroamericano coa financiación da Xunta de Galicia a través das convocatorias abertas de proxectos de cooperación.
Francisco Hirezi, alcalde do municipio salvadoreño de Zacatecoluca, Merlyn Urquilla, alumna dunha escola taller de fabricación de embarcacións e Manuel Antonio Martínez, presidente da cooperativa pesqueira Fecoopaz percorrerán a Illa de Arousa, Vigo, Bueu, Sanxenxo, Corcubión e Compostela para coñecer confrarías de pescadores, centros de formación profesional, centros de investigación acuícolas e responsables políticos de xestión pesqueira.
En Marín a visita comezou cunha recepción na sede da Autoridade Portuaria e un percorrido pola dársena pesqueira para ver a tipoloxía dos diferentes barcos de baixura e as distintas artes de pesca artesanal que se practican na zona.
A continuación desprazáronse ata a nave da lonxa para ver os medios dispoñibles na sala de vendas (zona de exposición, pilóns, sinalización, refrixeración, básculas, etc) e achegáronse a algúns dos departamentos de exportadores onde se prepara o peixe do Gran Sol, principalmente galo e rape, para enviar aos mercados nacionais. O encontro finalizou na Escola de Formación Marítimo Pesqueira A Aixola..
Esta viaxe xorde como continuidade a dúas previas, anos 2012 e 2015, que demostraron ser moi valiosas en tanto que foron a base para iniciar o deseño dunha embarcación específica e adaptada para a pesca no Salvador, que non só é máis sustentable e permite uns mellores resultados, senón que tamén é máis segura e xera emprego xuvenil na escola taller na que se fabrica. O prototipo, financiado polo Agencia Española de Cooperación al Desarrollo (AECID) foi deseñado por CETMAR.
Entre os aspectos que máis lle interesan están, por unha banda, a parte da comercialización dos produtos do mar, moi débil en El Salvador, e as estruturas políticas como sectoriais que a fan posible; por outra, o intercambio de experiencias cos seus iguais, como son os pescadores artesanais galegos e as mariscadoras; e, por último, ampliar os seus coñecementos no funcionamento do sector acuícola e ecoturístico.