Rouban a 'cartilla' a un pensionista tras ameazalo cunha navalla e darlle unha malleira
Por Redacción
Dous mozos de Vigo, ambos de 24 anos, foron detidos pola Policía Nacional por roubarlle a 'cartilla' a un pensionista de Pontevedra, ao que abordaron pola rúa ameazándoo cunha navalla. Para quedar co diñeiro acabaron por darlle unha malleira.
Segundo informaron fontes da comisaría provincial, os feitos tiveron lugar o pasado sábado 10 de novembro, ás 18.30 horas, na Alameda.
Os dous individuos pararon á súa vítima, á que ao parecer coñecían, para pedirlle diñeiro ou para que lles convidase a algo.
Ante a negativa do pensionista, un deles esgrimiu unha navalla e, de maneira ameazante, esixiulle o diñeiro. Como a vítima seguía sen acceder ás súas peticións, ambos comezaron a propinarlle patadas e puñadas ata que, unha vez no chan, puideron roubarlle a cartilla bancaria que levaba encima porque acababa de cobrar 350 euros da súa pensión.
Tras o asalto, ambos se deron á fuga e foron localizados polos axentes da Policía Nacional na rúa Casimiro Gómez, onde estaban a tratar de roubar no interior dun coche.
Unha vez detidos por un delito de roubo con intimidación, foron postos a disposición da autoridade xudicial. Os dous mozos, sinala a Policía Nacional, teñen múltiples antecedentes por feitos similares.