O candidato Lito Muíños valora moi positivamente a presenza do BNG no goberno de Ponte Caldelas
Por Oskar Viéitez
Lito Muíños, candidato do BNG á alcaldía de Ponte Caldelas, valorou "moi positivamente" a presenza dos nacionalistas no goberno tripartito local xa que aportaron, "non só a experiencia", tamén a "coherencia, a capacidade de xestión e consenso, a responsabilidade, a transparencia e o traballo que son valores que a organización nacionalista defende alá onde goberna".
Así o dixo Lito Muiños este sábado no acto de presentación da súa candidatura no que salientou a importancia do Bloque para acabar con 24 anos de goberno do Partido Popular.
Tamén destacou que, "en contra do que moitos anunciaban", o tripartito superou os posibles atrancos que un goberno con tres organizacións políticas tan diferentes podía presentar, "e conseguiu saír adiante e transformar o Concello de Ponte Caldelas".
Destacou a presenza do BNG nese goberno salientando que "practicamente todo o programa" que presentaron nas eleccións do 2015 "está acadado", facendo fincapé na participación, na descentralización e extensión das actividades culturais e no desenvolvemento dun urbanismo "axeitado".
Despois de repasar a xestión levada a cabo neste mandato Lito Muiños lembrou que non todo estaba feito e que "hai cousas que mellorar". En concreto considerou que as relacións coas outras institucións públicas "teñen que mellorarse".