#EuTomoParte, nova campaña de Ponte Caldelas contra a violencia machista
Por Redacción
A programación deseñada polo Concello de Ponte Caldelas para conmemorar o 25 de novembro, Día Internacional da Eliminación da Violencia contra a Muller, aposta este ano por unha novidosa campaña que leva por lema 'Eu tomo parte', pero dándolle o formato de 'cancelo' dos habitualmente usados nas redes sociais, #EuTomoParte.
Segundo deu a coñecer o Concello, trátase dunha campaña cun enfoque amplo para chegar a todos os recunchos da sociedade. O goberno local anima a toda a sociedade a sumarse a esta campaña e a participar nas distintas actividades co obxectivo de alertar sobre un problema moi arraigado e que afecta a todos.
A programacion incluirá unha declaración institucional polo 25-N e a organización dun acto público na Casa da Cultura. O acto incluirá o II Encontro de Mulleres Rurais e contará coa presencia da actriz e cantante galega María Costas.
A primeira fase da campaña consistiu nun concurso de debuxo entre o alumnado Primaria e do primeiro ciclo de secundaria dos centros educativos de Ponte Caldelas. Presentáronse un total de 102 traballos e os dous gañadores formarán parte do cartel institucional para o 25 de novembro. O resto dos debuxos quedarán expostos no Centro Cultural de Ponte Caldelas entre os días 20 e 28 de novembro.
O martes 20 de novembro organizaron unhas 'Conversas' con Lola Ferreiro, experta en medicina e membro do grupo Lúa Crecente de estudo e programas de educación para a saúde dende a perspectiva de xénero. A actividade terá como temática 'Violencias Machistas'.
O mércores día 21 botan a andar os obradoiros de empoderamento feminino para o emprego, que se van celebrar todos os mércores de 18.00 a 22.00 horas na Casa da Cultura ata o 12 de decembro. A actividade, que é completamente gratuíta, está dirixida a mulleres que pensen en desenvolver unha idea de negocio ou potenciar as súas habilidades de cara á procura dun emprego.
Os obradoiros están impartidos por persoal especializado en Recursos Humanos. As persoas interesadas poden dirixirse ao teléfono 625 554 992 ou enviar un correo ao enderezo info@talentearrhh.com.
Relacionadas:
-
Música e teatro contra a violencia de xénero en Ponte Caldelas
Por Redacción |
-
Micaela Malleiro e Silvia Carballido gañan o concurso de debuxo do 25-N en Ponte Caldelas
Por Redacción |
-
Os centros educativos de Ponte Caldelas toman parte na loita contra a violencia machista
Por Redacción |
-
Ponte Caldelas dá comezo ás Festas das Dores rexeitando calquera expresión de violencia machista
Por Redacción |
-
As verbenas da comarca, mellor sen violencia sexista
Por Redacción |