Esta semana volven a centola e o boi
Por Redacción
Este luns as centolas e os bois volven ás lonxas de Pontevedra. A Consellería do Mar da Xunta de Galicia acaba de anunciar que abre a medianoite a campaña extractiva das dúas especies nas provincias da Coruña e Pontevedra.
En concreto, a medida afecta á frota que se dedica á extracción destas especies e ten porto base nas áreas que van da Guarda ata Cabo Corrubedo en Pontevedra e de Cabo Corrubedo ata Cabo Estaca de Bares na Coruña. Poden calar os aparellos a partir das 00.00 horas desta madrugada e levar as especies á lonxa pola mañá.
A campaña deste crustáceo prolongarase ata o inicio da veda do ano 2019, que se fixará a través do correspondente plan de xestión.
A cota máxima de captura de cada unha destas especies será de 35 quilos por barco e día, ao cal se engadirán 35 quilos cada día por cada tripulante enrolado e a bordo. Poderán participar na campaña todas as embarcacións con artes menores e con porto base nesta comunidade, así como aquelas que tendo porto base noutras comunidades autónomas, teñan permisos especiais de pesca para faenar nestas augas.
Durante as próximas semanas as únicas centolas e bois que estarán no mercado en Galicia serán de Pontevedra e A Coruña, pois en Lugo non se abrirá a campaña ata o 3 de decembro.