A débeda de Pontevedra, no seu nivel máis baixo desde 1991
Por Alejandro Espiño
Ata niveis nunca vistos en case vinte anos. Así baixou a débeda do Concello de Pontevedra que, a día de hoxe, sitúase en pouco máis de doce millóns de euros, o nivel máis baixo que se rexistra desde 1991.
Unha Xunta de Goberno extraordinaria, celebrada o pasado venres, aprobou unha modificación de crédito destinada a amortizar débeda. A contía ascendía a 3.366.560 euros, un diñeiro procedente do superávit rexistrado en 2017.
A este diñeiro hai que sumar o pouco máis de dous millóns de euros que se amortizaron xa este ano, tal e como estaba previsto no orzamento municipal.
Con estes datos, a débeda municipal sitúase en 12.091.051 euros. Nesta cifra inclúese xa o préstamo de 1.980.000 euros que está a tramitar actualmente o Concello e que aínda non ingresou, ao atoparse en fase de contratación.
É a cifra máis baixa desde 1991, ano no que segundo os servizos económicos municipais Pontevedra debía 11.685.952 euros. A partir de aí, a débeda foi incrementándose co paso dos anos e, en 1995 chegou aos 15.82 millóns e a 24.13 millóns en 1999.
O máximo chegou en 2003, ao comezo do segundo mandato do actual alcalde, Miguel Anxo Fernández Lores, con 28.739.335 euros. En 2007, apenas diminuíra ao manterse nos 28.61 millóns, pero nos seguintes exercicios foise amortizando parte da débeda e, en 2011, reduciuse ata os 23.50 millóns e, en 2015, situouse en 18.08 millóns.
As cifras actuais demostran, segundo o goberno municipal, a política económica "eficaz" do Concello, buscando o "necesario" equilibrio entre a amortización de débeda e a utilización dos recursos para acometer investimentos. Esta "boa saúde", engaden, permitirán ao goberno municipal afrontar "con solvencia" proxectos de gran envergadura.
En termos de administración pública, defende o Concello, é unha débeda "practicamente residual", ao supoñer un "irrisorio" porcentaxe do PIB local, fronte á débeda da Xunta, que alcanza o 19% do PIB galego; ou do Estado, que supera o 100% do seu produto interior bruto.
Relacionadas:
-
Pontevedra solicita un préstamo de 1,4 millóns de euros para financiar obras no rural
Por Alejandro Espiño |
-
O PSOE absterase no orzamento tras acordar co BNG darlle un sentido "máis social"
Por Alejandro Espiño |
-
Loureiro Crespo e Mollavao, o pavillón da Parda e máis carga social, prioridades do BNG para 2019
Por Alejandro Espiño |
-
Cidadáns non negociará co BNG os orzamentos municipais de Pontevedra
Por Redacción |
-
Rafa Domínguez fixa "cinco líneas maestras" para apoiar o orzamento municipal de 2019
Por Alejandro Espiño |
-
O orzamento de Pontevedra para 2019 superará os 76 millóns de euros
Por Alejandro Espiño |