Estrean o documental que amosa como foi ser do Mercantil durante os últimos 90 anos
Por Diego Torrado
O Teatro Principal de Pontevedra acolleu este sábado a estrea do documental 'Ser do Mercantil', un traballo elaborado con motivo do noventa aniversario do Casino Mercantil e Industrial de Pontevedra, entidade que ten na actualidade 800 socios.
A cita congregou no Principal a socios do Mercantil e a cidadáns interesados en coñecer unha parte da histora de Pontevedra vencellada a esta entidade. Tamén acudiron representantes da via política municipal como o alcalde, Miguel Anxo Fernández Lores; as concelleiras do PP María José Rodríguez Teso e Aurora Cañizares; e a edil de Marea Carmen Moreira.
O evento contou coa actuación da Coral Polifónica de Pontevedra e supuxo a proxección da peza audiovisual nunha pantalla de alta definición.
O documental, dirixido por Pablo Cacheda, recolle as testemuñas de 33 socios da entidade para tratar tanto os momentos máis frutíferos da historia da sociedade como os máis complicados.
O obxectivo da actual directiva que preside Ernesto Filgueira é ir reforzando as actividades para chegar ao centenario cun maior número de asociados. Neste sentido, teñen previsto a creación de pistas de pádel nas instalacións de Mourente e organizar un maior número de eventos na sede situada na praza de Curros Enríquez.