O santuario da Peregrina acolle o luns unha misa por Pedro García Limeses
Por Redacción
O santuario da Virxe Peregrina de Pontevedra acollerá o vindeiro luns 12 de novembro unha misa polo eterno descanso de Pedro García Limeses, falecido días atrás e enterrado no cemiterio de Benquerencia, en Lugo, onde descansan tamén os restos mortais da súa muller. O acto litúrxico será ás 19.00 horas.
A Xunta de Goberno da Confraría A Nosa Señora do Refuxio A Divina Peregrina acordou organizar esta misa nunha reunión celebrada este sábado na que tamén se decidiu trasladar o seu máis sentido pésame á familia de Pedro García Limeses, de quen destaca que era un activo e devoto confrade e membro dos órganos de goberno da confraría.
Pedro García Limeses, falecido aos 72 anos, exerceu como presidente da Banda de Música de Pontevedra e ocupou varios postos de relevancia cultural na cidade. Era un gran afeccionado á música, formando parte da Coral Polifónica de Pontevedra e do coro do Instituto.
O falecido era un dos oito fillos de Augusto García Sánchez, alcalde de Pontevedra entre 1970 e 1974. Químico de profesión, desenvolveu parte da súa carreira profesional na empresa Ence, onde exerceu funcións, entre outras, de relación cos medios de comunicación.