Un ferido nun espectacular envorco dun coche en Cambados
Por Redacción
Un mozo de 23 anos resultou ferido e tivo que ser trasladado ao Hospital do Salnés tras verse implicado nun rechamante accidente de tráfico ao envorcar un coche na parcelaria de Oubiña, en Cambados.
Segundo a información de Emerxencias de Cambados, o accidente produciuse sobre as 13.00 horas deste sábado. Un particular alertou aos servizos de emerxencias de que un coche envorcara e o condutor estaba ferido.
Emerxencias de Cambados desprazouse ao lugar e comprobou que o condutor tiña feridas e cortes en diversas zonas do corpo. Foi atendido no lugar por unha ambulancia do 061 e trasladado ao Hospital do Salnes.
A Garda Civil tivo que regular o tráfico durante o tempo que duraron as tarefas para retirar o vehículo.
Ademais, pola tarde produciuse un accidente diante do bar Canalla de Vilanova de Arousa. Segundo as primeiras informacións, houbo tres vehículos implicados e unha persoa resultou atropelada.