Os edificios do Concello e a Deputación volverán iluminarse de azul no Día da Diabete
Por Redacción
O Día Mundial da Diabete, que se conmemora en todo o mundo o 14 de novembro, volverá celebrarse en Pontevedra da man da Asociación de Nenos e Nenas con Diabete de Galicia (Anedia), con sede da cidade, e terá como actos principais a Milla Solidaria de Anedia o domingo 18 e a iluminación en azul dos edificios da Deputación e do Concello en Pontevedra o martes 13.
Representantes de Anedia presentaron este sábado a programación na Casa da Luz de Pontevedra e deron a coñecer detalles da xa tradicional Milla Solidaria de Anedia, que este ano chega á súa quinta edición. A cita será o domingo 18 de novembro pola mañá na avenida de Montero Rios.
Segundo indicaron, contará coa participación dos mellores equipos de atletismo de Galicia, que desde as 11.00 horas disputarán varias probas segundo as idades dos atletas, e que rematará cunha andaina solidaria, aberta a todo o público que queira participar, para movilizarse contra a diabete.
O Día Mundial da diabete celebrarase ao longo de toda a semana nas principais localidades de Galicia con diversos actos organizados pola Federación Galega de Diabete e Anedia que terán por lema 'Diabete e familia'. O obxectivo será visualizar os cambios e os gastos domésticos que implican a nivel familiar a atención desta enfermidade crónica.
Este ano iluminaranse en azul os dous citados edificios de Pontevedra e tamén outros de Santiago, Vigo, Lugo,Ourense, Ribeira, Cangas ou Ponteareas. En todos os casos, será na tarde-noite do martes.
Ademais, en Pontevedra haberá o mércores 14 unha sesión formativa para adolescentes con diabete. Será a partir das 18.00 horas na Casa Azul a cargo da psicóloga do CHOP Rosa Lede e levará por título 'Diabete, as preguntas que non te atreves a facer'.